sábado, 12 de febrero de 2011

Ruta As beiras do Ulla



Ruta “As beiras do Ulla”
Lugar: Vea
Distancia: 24 Km.
Duración: 6 h
Dificultade: Facil
Circular: SI

Unha ruta circular deseñada polo Concello de Teo que ten como protagonistas o río Ulla e os seus afluentes teenses: o río Pereiro e o Santa Lucía. A andaina percorre pola parte Sur do Concello con pequenas incursións nos Concellos de Vedra e A Estrada (xa en Pontevedra). A ruta comeza e finaliza na área recreativa do Xirimbao, no couto de pesca de Couso, ó pé da famosa ponte colgante chamada Mariola.
A ruta permite coñecer o fecundo patrimonio relacionado cos ríos e coa agua, coma as pontes (Pontevella de Pontevea, Ponte Pedreira, Xirimbao) e pontellas (Pontillón, Abuín, Ponte da dorna), muiños (Piñeiro, Freixeiro), pesqueiras (Freixeiro) etc... pero tamén visitar dous pazos de gran valor patrimonial, o Pazo de Astaríz, en Noceda na parroquia de Santa María de Teo, e o pazo de Maíndo, na parroquia do Couso no Concello da Estrada.
Ó longo da ruta o sendeirista pode apreciar bos exemplos do patrimonio relixioso do Concello teense coma a igrexa de San Cristovo de Reis que aínda conserva algúns vestixios da primitiva construcción románica na súa ábsida rectangular, pero tamén mostras da arquitectura popular espallados por todo o percorrido como os cruceiros, lavadoiros, fontes etc. Todo mesturado coas fermosas paisaxes ás beiras dos ríos coas vistas do Pico Sacro e os castros de Lucí e de Santa Marta que nos acompañan por boa parte da ruta.
Salientar tamén que a andaina atravesa espazos naturais protexidos coma a carballeira de Agromaior e a conca do Ulla (red natura 2000) e áreas de lecer coma a da Burga de Xermeade (fonte de augas sulfurosas) e a sinalada área do Xirimbao á beira do Ulla.


No hay comentarios:

Publicar un comentario