martes, 5 de enero de 2010

Do Río Almofrei ao Monte Sistalto (Cotobade)
Lugar: Cotobade
Distancia: 15,5 km
Duración: 5 h
Dificultade: Media
Circular: SI

Este roteiro non sinalizado polo concello de Cotobade, vainos permitir acadar o monte Sistalto con 605 m. de altitude e que constitúe un miradoiro sobre as terras e aldeas do val do río Almofrei ao seu paso polas parroquias de Borela e Rebordelo.
Comezamos a nosa andaina ao carón da ponte medieval de Ponte Borela (séc. XV) e da capela de Nosa Señora de Lourdes. Atravesamos o núcleo de Ponte Borela, subindo por A Senra e A Costa, para ver a igrexa de San Martiño de Borela, con planta de cruz latina e dúas capelas laterais; así como a antiga casa reitoral con un hórreo a dúas alturas.
Continuamos a subida por unha corredoira entre carballos que sae por riba da igrexa e ao chegar a outra congostra, collemos a dereita ata unha casa. Aquí viramos a esquerda seguindo un antigo camiño empedrado que nos leva ao monte.
No cruce de pistas, imos a dereita, agora xa sen tanta pendente e a nosa esquerda veremos o monte Sistalto con un fito xeodésico. Subindo ao cumio teremos unhas abraiantes panorámicas do aberto val do río Almofrei con bosques de ribeira nas marxes e as aldeas espalladas entre leiras.
Baixando do Sistalto, proseguimos un quilómetro aproximadamente pola pista e logo tomamos un camiño que baixa pola esquerda e que nos leva nun rápido descenso ata o lugar de O Agro, xa no val do Almofrei.
Andamos por unha bonita corredoira que sae pola dereita e logo de pasar O Facho cun outeiro a súas costas, situámonos en Pozo Negro onde hai un área de lecer con zona de baño. Sequimos pola marxe dereita río arriba para ver primeiro o muíño Daquela Banda e tamén o muíño Das Presas e o de Súas Veigas.
Guiámonos agora polas marcas dun pequeno sendeiro para volver de novo a Pozo Negro e imos por un camiño paralelo ao río e que baixa acompañandoo a uns setenta metros de distancia.
No cruce de camiños, vamos a esquerda porque atravesaremos o Almofrei por unha antiga pontella e que nos conduce de novo a O Agro. Pasamos por Os Casás, O Pazo, onde está a fonte do Illón e, chegando a Quinteiro de Arriba, torcemos a dereita por unha corredoira que nos leva ata unha capela e a ponte de Portapedra. Durante uns cincocentos metros baixamos pola beira do río e logo por unha congostra a esquerda imos cara A Rega. Xa só nos resta seguir un fermoso camiño durante uns quilómetro e medio para rematar a nosa camiñata no sitio onde comezamos: a Ponte de Borela.

No hay comentarios:

Publicar un comentario