domingo, 27 de enero de 2008

PR-G 91. Piscinas do Río Pedras


Punto de saída: Alto das Brañas

Punto de chegada: Aldea Vella
Lugar: Pobra do Caramiñal (circular)
Distancia: 18 km
Duración: 6 h
Desnivel: 490m
Dificultade:media-alta
Puntos de interese:San Xoán, convento, ponte e petroglifo da Misarela, piscinas naturais do río Pedras, Aldea Vella

Ruta de dificultade media-alta, dirixida a persoas en bo estado físico debido aos desniveis existentes. A baixada dende o lugar do Alto das Brañas ata as piscinas do río Pedras, contornando o río San Xoán, describe unha forte pendente con abundancia de penedos. Esta ruta dá a coñecer o entorno natural e cultural da Pobra do Caramiñal, contando con sorprendentes vistas á Ría de Arousa.
Alto das Brañas – Piscinas do río Pedras: a ruta descende polo río San Xoán, ata chegar ao convento da Misarela, pasando por piscinas naturais, fermosas fervenzas e divisando panorámicas da Ría de Arousa. O roteiro presenta neste tramo un grao de dificultade alto, debido ao terreo irregular e á forte pendente. Na parte final do descenso atópanse as ruínas do convento da Misarela punto onde conflúen os cursos fluviais dos ríos San Xoán e Barbanza para formar o río Pedras. O cauce deste río transcorre por terreo de rocha granítica e debido á erosión do mesmo, formáronse unhas piscinas naturais escavadas na propia rocha ao carón da arboreda típica de ribeira, conformando un escenario de gran beleza.
Piscinas do río Pedras- Aldea Vella: este tramo cruza a ponte de pedra da Misarela, de orixe medieval. No mesmo sendeiro, a uns 50 metros da ponte,      atópanse os petroglifos da Misarela
Contornando o río Pedras o sendeiro lévanos ata Aldea Vella, fin de traxecto no concello da Pobra do Caramiñal.
Convento da Misarela: Restos dun convento franciscano fundado arredor do ano 1.392. Pódense apreciar diversas estruturas edificatorias. O conxunto compleméntase cun sistema de canalizacións que conducen a auga dende a beira do río, unha calzada empedrada e unha ponte de pedra.
Petroglifos da Misarela: Conxunto de gravados formado por dúas pedras. A primeira presenta un gravado cun tipo de M e un punto; e na outra pedra hai tres cruces, dúas con base triangular e unha con base circular.
Aldea Vella: Segundo escritos, a Aldea Vella data do século IX e estaba formada por un conxunt o de muíños que actualmente se atopan en ruínas.





No hay comentarios:

Publicar un comentario